Quen Somos

En febreiro de 2015 constituíuse a Asociación Galega da Crítica (AGC) tras a celebración dunha asamblea por convocatoria aberta na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A Asociación nace co obxectivo de intervir, desde a plena autonomía, na análise e estudo da produción literaria, artística e cultural de Galicia e nos debates técnicos arredor dese campo, incluídos factores como as prácticas de lectura e consumo e a institucionalización culturais. A AGC tratará asemade de contribuír á proxección e internacionalización da produción artística e literaria galega. Estabelecerá as oportunas relacións con entidades homólogas nos espazos ibérico, europeo e atlántico, así como con organizacións de escritores, artistas plásticos e visuais e coas esferas do teatro e da cinematografía galegas.

A prioridade é a incorporación á AGC dos críticos e críticas que na actualidade exercen o seu traballo tanto no ámbito académico como xornalístico, con independencia de que o fagan en medios impresos ou electrónicos. Pularase pola integración na Asociación das persoas novas que do modo que sexa están a desenvolver tarefas críticas na esfera pública.