Estatutos

CAPÍTULO I

DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO E ÁMBITO:

Artigo 1. Coa denominación de Asociación Galega da Crítica (AGC) constitúese unha ASOCIACIÓN ao amparo da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, e normas complementarias, coa personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

Artigo 2. Esta asociación constitúese por tempo indefinido.

Artigo 3. A existencia desta asociación ten como fins:

1.    Reunir persoas dedicadas ao estudo, á crítica e/ou ensaio que conten con obra de reflexión e/ou análise crítica sobre calquera formato textual e artístico ou, en xeral, sobre a realidade cultural galega e/ou internacional en diferentes medios.

2.    Fomentar a reflexión sobre o exercicio da crítica en lingua galega.

3.    Organizar xornadas e debates da crítica.

4.    Fomentar a participación en certames nacionais, estatais e internacionais nos que se vexa concernida a cultura galega.

5.    Organizar os Premios da Crítica galega no marco dos Premios de la Crítica Española.

6.    Contribuír á divulgación de estudos críticos.

7.    Fomentar as relacións internacionais da cultura galega e da crítica exercida sobre ese ámbito

8.    Estabelecer con entidades públicas e privadas os convenios precisos para un mellor cumprimento dos fins desta asociación.

Artigo 4. Para o cumprimento destes fins realizaranse as seguintes actividades: xornadas, debates, seminarios e reunións científicas. Como consecuencia destas poderán publicarse os seus resultados en diferentes formatos.

Artigo 5. A Asociación estabelece o seu domicilio social na Facultade de Filoloxía, Avda. Castelao, s/n, 15782, Santiago de Compostela (A Coruña) e o ámbito territorial no que vai realizar principalmente, e non exclusivamente, as súas actividades é a Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO II

ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN

Artigo 6. A Asociación será xestionada e representada por unha Xunta Directiva formada por: unha Presidencia, unha Vicepresidencia, unha Secretaría, unha Tesourería e unha vogalía. Estes cargos serán designados e revogados pola Asemblea Xeral e o seu mandato terá unha duración de tres anos.

Artigo 7. Estes poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, por incumprimento das obrigas que tivesen encomendadas ou por expiración do mandato.

Artigo 8. Os membros da Xunta Directiva, que esgotasen o prazo para o que foron elixidos, continuarán desempeñando os seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación dos que os substitúan.

 Artigo 9. A Xunta Directiva reunirase cantas veces o determine o/a Presidente/a ou a iniciativa da metade dos seus membros. Quedará constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. En caso de empate, o voto do/da Presidente/a será de calidade.

Artigo 10. Facultades da Xunta Directiva:

As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a todos os actos propios das finalidades da asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.

Son facultades particulares da Xunta Directiva:

a) Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos.

b) Executar os acordos da Asemblea Xeral.

c) Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral os Balances e as Contas anuais.

d) Resolver sobre a admisión de novos asociados.

e) Nomear delegados para determinadas actividades da Asociación.

f) Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral de socios.

Artigo 11. O/A Presidente/a terá as seguintes atribucións: representar legalmente á Asociación ante toda clase de organismos públicos ou privados; convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións dunha e outra; ordenar pagamentos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas e correspondencia.

Artigo 12. O/A Vicepresidente/a substituirá ao/á Presidente/a na súa ausencia, motivada por enfermidade ou calquera outra causa, e terá as mesmas atribucións ca el/ela.

Artigo 13. O/a Secretario/a terá a cargo a dirección dos traballos puramente administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os libros da asociación legalmente estabelecidos e o ficheiro de asociados, e custodiará a documentación da entidade, facendo que se cursen as comunicacións sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribíbeis aos Rexistros correspondentes, así como o cumprimento das obrigas documentais nos termos que legalmente correspondan.

Artigo 14. O/A Tesoureiro/a recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o/a Presidente/a.

Artigo 15. Serán competencia das vogalías as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, así como as que nazan das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta encomende.

Artigo 16. As vacantes que se puidesen producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva serán cubertas provisionalmente entre os propios membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral convocada ao efecto.

CAPÍTULO III

ASEMBLEA XERAL

Artigo 17. A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación e estará integrada por todos os asociados.

Artigo 18. As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. A ordinaria celebrarase unha vez ao ano dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio; as extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, a xuízo do/da Presidente/a, cando a Xunta Directiva o acorde ou cando o propoña por escrito unha décima parte dos asociados.

Artigo 19. As convocatorias das Asembleas Xerais realizaranse por escrito, expresando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea en primeira convocatoria terán de mediar setenta e dúas horas, podendo así mesmo facerse constar se procedese a data e hora na que se reunirá a Asemblea en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a vinte minutos.

Artigo 20. As Asembleas Xerais, tanto ordinarias coma extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela un terzo dos asociados con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asociados con dereito a voto.

Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen os negativos, non sendo computábeis a estes efectos os votos nulos, en branco, nin as abstencións.

Será necesario maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade destas, para

a) Disolución da entidade.

b) Modificación de Estatutos.

c) Disposición ou alleamento de bens integrantes do inmobilizado.

Artigo 21. Son facultades da Asemblea Xeral:

a) Aprobar a xestión da Xunta Directiva.

b) Examinar e aprobar as Contas anuais.

c) Elixir os membros da Xunta Directiva.

d) Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias.

e) Disolver a asociación.

f) Modificar os Estatutos.

g) Dispoñer ou allear os bens

h) Calquera outra que non sexa competencia atribuída a outro órgano social.

Artigo 22. Requiren acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao efecto:

a) Modificación dos Estatutos.

b) Disolución da Asociación.

CAPÍTULO IV

SOCIOS/AS

Artigo 23. Poderán pertencer á Asociación aquelas persoas que mostren interese por asociarse e exerzan, nalgún sentido, a crítica literaria, artística ou cultural.

Artigo 24. Dentro da Asociación poderán existir as seguintes clases de socios/as:

a) Fundadores, que serán aqueles que participen no acto de constitución da Asociación.

b) De número, que serán os que ingresen despois da constitución da Asociación.

c) De honra, os que polo seu prestixio ou por ter contribuído de modo relevante á dignificación e desenvolvemento da Asociación, se fagan acredores a tal distinción. O nomeamento dos socios de honra corresponderá á Xunta Directiva ou Asemblea Xeral.

Artigo 25. Os/as socios/as causarán baixa por algunha das causas seguintes:

a) Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta Directiva.

b) Por incumprimento das obrigas económicas, se deixasen de satisfacer tres cotas periódicas.

Artigo 26. Os/as socios/as de número e fundadores terán os seguintes dereitos:

a) Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.

b) Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a Asociación poida obter.

c) Participar nas Asembleas con voz e voto.

d) Ser electores e elixíbeis para os cargos directivos.

e) Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.

f) Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde ao mellor cumprimento dos fins da Asociación.

Artigo 27. Os/as socios/as fundadores e de número terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir os presentes Estatutos e os acordos válidos das Asembleas e a Xunta Directiva.

b) Aboar as cotas que se fixen.

c) Asistir ás Asembleas e demais actos que se organicen.

d) Desempeñar, no seu caso, as obrigas inherentes ao cargo que ocupen.

Artigo 28. Os/as socios de honra terán as mesmas obrigas cós fundadores e de número a excepción das previstas nos apartados b) e d) do Artigo anterior.

Así mesmo, terán os mesmos dereitos a excepción dos que figuran nos apartados c) e d) do Artigo 26, podendo asistir ás asembleas sen dereito de voto.

Artigo 29. Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Asociación serán os seguintes:

a) As cotas de socios/as, periódicas ou extraordinarias.

b) As subvencións, legados ou herdanzas que puidera recibir de forma legal por parte dos/as asociados/as ou de terceiras persoas.

c) Calquera outro recurso lícito.

Artigo 30. A Asociación no momento da súa constitución carece de Fondo Social.

Artigo 31. O exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de decembro de cada ano.

CAPÍTULO V

DISOLUCIÓN

Artigo 32. Disolverase voluntariamente cando así o acorde a Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto, con arranxo ao disposto no Artigo 20 dos presentes Estatutos.

Artigo 33. En caso de disolución, nomearase unha comisión liquidadora, a cal unha vez extintas as débedas, e se existise sobrante líquido o destinará para fins que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa (concretamente a unha institución de utilidade pública).

DISPOSICIÓN ADICIONAL

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.

En Santiago de Compostela, a 20 de febreiro de 2015

 

 

DESCARGA OS NOSOS ESTATUTOS

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta